Banda escola de música de Visantoña
Visantoña s/n
bandavisantonha@gmail.com
609 05 96 34
Santiso foi desde sempre unha terra de profunda tradición musical. Os primeiros datos de formacións musicais na zona aparecen a finais do século XIX, e desde ese momento, e ata hoxe, ten un papel fundamentas a Banda de Música de Visantoña.
A Banda de Música de Visantoña naceu baixo o mecenado do dono do Pazo de Vilar de Ferreiros que polo ano 1877 e a propósito de que o fillo dun dos seus “caseiros”, Ramón López Soto, regresase do servizo militar cunhas nocións de música, encomendoulle a tarefa de formar unha banda. Na súa historia tivo unha importancia transcendental D. Eugenio Pazos Reyes, director durante case corenta anos (1955-1994). Dedicouse a formar musicalmente, xeración tras xeración, a centos de alumnos e alumnas da comarca, chegando algúns a dedicarse profesionalmente á música tras continuar os seus estudos en conservatorios profesionais. Desde 2008 a Escola de Música que forma a canteira da banda leva o seu nome como recoñecemento ao seu extraordinario labor.
Da man da banda de música camiña a Asociación Cultural Banda Escola de Música de Visantoña, que nace en 1990 para garantir a continuidade da Banda de Música de Visantoña e que se configura como a titular da mencionada Escola de Música Eugenio Pazos Reyes, recoñecida dende 1998 como escola de música dependente da Consellería de Educación.
O obxectivo da escola é mellorar a educación musical e os valores culturais, e implementar unha sólida formación de base que permita o fortalecemento dos primeiros pasos no mundo da música. Desenvolve unha oferta ampla e diversificada de educación musical, sen límite de idade, con clases continuas durante seis días á semana no local de ensaios sito na parroquia de Visantoña e ao que van, na actualidade, arredor de 70 alumnos e alumnas deste e outros concellos limítrofes.
De 2011 a 2015 dirixe a banda Santiago García Mella. No ano 2015 colle a dirección Iván Pantín, e a banda percorre toda a nosa xeografía e o estranxeiro, chegando a tocar en lugares como Tarragona ou Bruxelas. A banda acode ao Certame da Federación Galega de Bandas Populares de Música, e fai colaboracións importantes con artistas como Pablo Díaz.
Desde este ano 2021 a batuta está a cargo de Alejandro Carral.
Actualmente a banda conta con case corenta músicos que cos seus concertos continúan levando o nome do noso Concello e da súa contorna a todos os recunchos da xeografía galega, converténdose nun elemento dinamizador da vida musical do noso pobo.

