Banda de música Sons e Soños
Rúa Alcalde Ángel Penas s/n
bandasonsesonhos@gmail.com
https://musicocrisanto.com/event/banda-sons-e-sonos/
678800245
A historia desta Escola e Banda de Música remóntase ao 17 de setembro de 2007, cando a Corporación Municipal do Concello de Rábade apoia un ambicioso proxecto de Centro Educativo Musical, deseñado polo profesor de música Armando Morales. Nace a Escola Municipal de Música, con apenas unha decena de alumnos e un só profesor (o director do proxecto) que na actualidade chega aos 278 alumnos e 26 profesores. Froito dese traballo xurdiron agrupacións: Murajazz Big Band, Young Murajazz Big Band, Grupo de Pandeiretas e Voz Tradicional, Tirapadiante G. Tradicional, Banda de Gaitas Sons da Chaira, Coro da Asoc. Músico Crisanto, Banda Infantil da Escola e a Banda “Sons e Soños” de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei.
En marzo de 2013 adheríase o Concello de Begonte, nun innovador convenio de colaboración e recaendo a xestión administrativa na Asoc. Musico Crisanto, presidida por Pablo Rábade. Coa incorporación do Concello de Outeiro de Rei, o 14 de setembro de 2015, consolídase un Proxecto Musical Mancomunado pioneiro en Galicia.
O primeiro ensaio dos músicos fundadores da Banda tivo lugar o 20 de xuño de 2011 no Centro Sociocultural de Rábade. O seu Concerto Inaugural foi na Igrexa Parroquial de San Vicenzo de Rábade o 17 de nadal de 2011. A banda organiza concertos e participa en diversos eventos no formato de banda sinfónica ou en fusión con outro tipo de agrupacións musicais, teatrais... Ten actuado en A Fonsagrada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Ribadeo, A Illa de Arousa, Auditorio do HULA,Museo Interactivo da Historia de Lugo, Auditorio de Vilalba, Museo Provincial de Lugo, Círculo das Artes de Lugo, Auditorio de As Pontes, Auditorio de Valga, Auditorio Gustavo Freire (Lugo), Tapia de Casariego, Cambados, Villaviciosa, Auditorio de Cedeira, Luarca, Auditorio de Galicia (IX, X e XI Certame Galego de Bandas), Cidade da Cultura (I, II e III Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia), representación das escolas galegas no XXVI Congreso Nacional de Medicina no Auditorio do Pazo de Congresos de Santiago...; sendo tamén colaboradores habituais e organizadores de numerosos Festivais Solidarios a favor de ONGs de ámbito nacional e internacional.
Procurou contribuír á creación de obras orixinais. Na súa participación nos dous últimos Certames consecutivos fíxoo con obras propias, escritas por Manuel María Veiga, profesor nas súas Escolas Mancomunadas. En sendas edicións recibiu o Premio á interpretación dunha obra de temática e autoría galegas na 1ª Sección.

