Agrupación musical de Goián

Agrupación musical de Goián

A súa orixe remóntase a 1994 cando comeza a impartirse solfexo no colexio da parroquia como actividade extraescolar. Dous anos máis tarde mércanse os primeiros instrumentos. En 1998 presentáse oficialmente a Agrupación Musical de Goián na Praza da Igrexa baixo a batuta de Juan Carlos Díaz Álvarez e presidida por Aurelio Álvarez.

Realizou dous intercambios no ano 2000 coa banda de música valenciana Societat Centre Artistic Santa Cecilia de Foios e no 2005 coa Banda de Música de San Martín de la Vega en Madrid. Participou en festivais internacionais como o 3º Festival Internacional de Música dosTemplarios en Tomar e o 12º Encontro Ibérico de Bandas de Música en Aveiro, ambos en Portugal. 
A banda ten organizado numerosos cursos e concertos con grandes profesionais como o quinteto de metais “Luur Metalls”, os clarinetistas Angelines Galán e Esteban Valverde, o saxofonista e compositor Jose Luis Represas Carrerra, o mestre de informática musical e novas tecnoloxías Ángel Montes, o compositor belga Bart Picqueur ou o compositor nominado aos Premios Goya Oscar Navarro. Tamén acompañou a voces solistas como a de Silvia Ferre ou ás artistas locais Angelina Álvarez e Davinia Álvarez. Ao longo da súa historia, a banda actuou en actos culturais e festas populares por toda a xeografía galega, Portugal, Madrid e Valencia. Tamén participou dúas veces no programa “Galicia enteira” da TVG e realizaron dous traballos discográficos, o segundo deles titulado “Fortaleza”, nome da súa primeira peza que foi composta polo goianés Andrés Álvarez. A Agrupación Musical de Goián participou en varios certames de bandas de música a nivel autonómico, provincial e zonal nos que acadou dous primeiros premios e Mención de Honra, dous primeiros premios, tres segundos, dous terceiros e un cuarto. Ademais do Premio Manuel Quiroga ao mellor director no ano 2006 e dous premios a mellor interpretación dunha obra galega. 
Dende o 2015 faise cargo da agrupación o actual director Pedro Villarroel González co que participaron no 12º Encontro Ibérico de Bandas de Música celebrado en Aveiro (Portugal). Ademais de realizar concertos como o “Vaia Banda” co grupo de percusión Odaiko e “Unha noite de amor con Lela” con voz solista e narradora con Silvia Ferre, Belén Xestal e Alfredo Susavila. 
Actualmente, a Agrupación Musical de Goián conta cunha escola de música formada por máis de 150 alumnos, así como un coro, banda infantil e banda xuvenil.