A Banda de Música Municipal de Ribadumia foi aceptada en pleno pola corporación municipal do Concello de Ribadumia no ano 1998. Dende o 26 de febreiro dese ano está inscrita no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia. O seu estreo no Concello de Ribadumia baixo a batuta de Juan Buceta Lago tivo lugar no Festival de Bandas de Música celebrado o 31 de maio de 1998, con pezas como “Con Arte y Delicadeza”, “Orfeo nos Infiernos”, a fantasía do ballet ”Coppelia” e a xota “Unha Tarde en Zaragoza” de Higinio Cambeses. No apartado de premios, no ano 2001 preséntase ao “I Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra” onde acada o 3º Premio na terceira sección. No 2009 participa no II Festival Zonal de Bandas da Deputación de Pontevedra, saíndo gañadora do 1º Premio na terceira sección. No 2004 grava o seu primeiro disco compacto en colaboración coa Coral Polifónica de Vilanova de Arousa. Os directores que estiveron ó fronte da dirección artística e musical nestes vinte e tres anos foron: Juan Buceta Lago, Diego José Fernández Campos, José Carlos Gómez Palacios, José Vega Real e José Manuel López Fernández. Dende novembro de 2015, o director artístico e musical da banda é o mestre Alberto Rocha Soto, Titulado Superior en Música e Licenciado en Historia e Ciencias da Música. Actualmente, a Banda de Música Municipal de Ribadumia ameniza un número importante de actos culturais e festas populares por toda a xeografía galega, Asturias e norte de Portugal, sendo estas actuacións o soporte económico para poder continuar o legado cultural e musical que nos deixaron as persoas fundadoras. Ademais, na actualidade a banda conta cunha escola de música onde se imparten todas as especialidades instrumentais de banda.