Banda escola de música de Visantoña

Banda escola de música de Visantoña

Santiso foi desde sempre unha terra de profunda tradición musical. Os primeiros datos de formacións musicais na zona aparecen a finais do século  XIX, e desde ese momento, e ata hoxe, ten un papel fundamentas a Banda de Música de Visantoña. 

A Banda de Música de Visantoña naceu baixo o mecenado do dono do Pazo de Vilar de  Ferreiros que polo ano 1877 e a propósito de que o fillo dun dos seus “caseiros”, Ramón López Soto, regresase do servizo militar cunhas nocións de música, encomendoulle a tarefa de formar unha banda. Na súa historia tivo unha importancia transcendental D. Eugenio Pazos Reyes, director durante case corenta anos (1955-1994). Dedicouse a formar musicalmente, xeración tras xeración, a centos de alumnos e alumnas da comarca, chegando algúns a dedicarse profesionalmente á música tras continuar os seus estudos en conservatorios profesionais. Desde 2008 a Escola de Música que forma  a canteira da banda leva o seu nome como recoñecemento ao seu extraordinario labor. 

Da man da banda de música camiña a Asociación Cultural Banda  Escola de Música de Visantoña, que nace en 1990 para garantir a continuidade da Banda de Música de Visantoña e que se configura como a titular da mencionada Escola de Música Eugenio Pazos Reyes, recoñecida dende 1998 como escola de música dependente da Consellería de Educación. 

O obxectivo da escola é mellorar a educación musical e os valores culturais, e implementar unha sólida formación de base que permita o fortalecemento dos primeiros pasos no mundo da música. Desenvolve unha oferta ampla e diversificada de educación musical, sen límite de idade, con clases continuas durante seis días á semana no local de ensaios sito na parroquia de Visantoña e ao que van, na actualidade, arredor de 70 alumnos e alumnas deste e outros concellos limítrofes. 

De 2011 a 2015 dirixe a banda Santiago García Mella. No ano 2015 colle a dirección Iván Pantín, e a banda percorre toda a nosa xeografía e o estranxeiro, chegando a tocar en lugares como Tarragona ou Bruxelas. A banda acode ao Certame da Federación Galega de Bandas Populares de Música, e fai colaboracións importantes con artistas como Pablo Díaz. 

Desde este ano 2021 a batuta está a cargo de Alejandro Carral.

Actualmente a banda conta con case corenta músicos que cos seus concertos  continúan levando o nome do noso Concello e da súa contorna a todos os recunchos da xeografía galega,  converténdose nun elemento dinamizador da vida musical do noso pobo.