Banda de música de Cee
Praza da Constitución nº 1
bandadecee@yahoo.es
609831651
Foi no ano 1999 cando se inaugurou en Cee a Escola municipal de música e xunto con ela a banda de música, integrada por alumnos e alumnas da escola.
É ben coñecido polo pobo de Cee que en case medio século (1950-1999) non houbo banda de música propia. A pesares do interese mostrado por moitas persoas na creación dunha banda na primeira metade do século XX, e que se concretou nos anos 30 ca banda de música dirixida por D. Manuel Rebollar; nos anos 40 ca banda dirixida por D. Francisco Rey; as penurias económicas da postguerra levaron a súa desaparición no ano 50.
Actualmente Cee dispón dunha escola de música que conta con uns 160 alumnos dende os 5 anos e na que se imparten cáseque tódalas disciplinas teóricas e instrumentais: acordeón, frauta, gaita, guitarra, música activa, percusión, piano, vento-madeira, ventometal e violín; con un grupo de música folk; un grupo pop; unha banda de gaitas; un grupo de vento-metal e unha banda de música.
A banda de música está formada por case 40 músicos, todos eles alumnos e alumnas da escola e a pesares da súa recente creación, desde o seu primeiro concerto nas festas da Xunqueira do ano 2000 en Cee, ten ofrecidos concertos en toda a zona da costa da morte, así como participacións nos festivais de bandas en Santiago, Arteixo e Ortigueira. Concertos en Vilalba, Ordes e en Monterroso (Lugo), con motivo do programa “Concertos no camiño de Santiago”. Actuou en varias ocasións no programa da TVG “Luar”. En Xuño do presente ano, ofreceu un concerto na Praza de Praterías, en Santiago, con motivo do programa “Música no Camiño”.
En maio do ano 2005 edita o seu primeiro disco.

